NEGOCIACIÓN NA CONCERTADA XA!

A Federación de Sindicatos Independentes de Ensinanza (FSIE), o Sector  de Ensino de UGT (FeSP Ensino-UGT), A Federación de Ensino de CCOO (FE-CCOO), a Federación de Ensino de USO (FEUSO) e a Federación do Ensino da CIG (CIG-Ensino), organizacións sindicais máis representativas do ensino concertado en Galicia queren facer visible a situación na que se atopa este sector ó tempo que poñen en marcha esta campaña de recollida de sinaturas en negociacionconcertadaxa.es  para esixir ó Goberno galego que ante a inoperancia da CTEPC, ante a falta de interlocución e ante a falta de negociación, se articule unha mesa de negociación colectiva que nos permita buscar solución aos problemas que afectan ás traballadoras e aos traballadores do ensino concertado:

  • Acordo Mantemento de Emprego (non temos AME desde setembro de 2009), o cal entendemos indispensable para os traballadores/as no mantemento do seu posto de traballo, pois a perda de unidades lévaos ao paro, e á Consellaría non lle suporía un incremento no gasto, ou este sería mínimo.
  • A (PEA), Paga Extraordinaria de Antigüidade de 25 anos na empresa non é aboada desde o derradeiro acordo en novembro de 2010, sendo Galicia a única comunidade autónoma do Estado que non paga a PEA, dereito recoñecido por xurisprudencia reiterada.
  • Suspensión en 2010, co inicio dos recortes de dereitos e salarios, da cláusula terceira do Acordo Plurianual 2008-09-10 de 24 de abril de 2008 sobre condicións laborais e de calidade do ensino, quedando pendente unha revalorización do 2% do Complemento Retributivo Autonómico e 45 € por xornada completa. Este acordo foi asinado co Bipartito, aprobado en Consello da Xunta e publicado no DOG o 30 de maio de 2008.
  • Recorte do 5% no salario en 2011 vía Lei de Orzamentos que se consolidou nas nóminas das traballadoras e traballadores do ensino concertado afectando á súa base de cotización. Posterior recorte do 4,5% en 2012 que tamén se consolidou rebaixando as bases de cotización cando o RD 20/2012 recollía claramente que non podía afectar ás bases. Non é o mesmo quitar unha paga extra que facer unha rebaixa do salario con efectos retroactivos consolidándose en nómina afectando á base de cotización do/a traballador/a. Posterior recorte do Complemento Retributivo Autonómico en 2013.
  • A Consellería só paga dous complementos de cargo, a dirección e a xefatura de estudos, incumprindo a súa propia lexislación porque non aboa o complemento por ser coordinador do equipo de dinamización lingüística, dereito económico recollido no RD 79/2010 do Plurilingüismo tanto para os traballadores/as do ensino público como para os traballadores/as do ensino concertado.

Tendo en conta esta situación, cunha recuperación macroeconómica da que tanto fala o goberno da Xunta de Galicia, que non perciben aínda as traballadoras e traballadores, entendemos que é o momento de abordar desde a responsabilidade estas cuestións, empezando por eliminar na próxima Lei de Orzamentos para o ano 2019, o parágrafo terceiro do artigo 53.2 e a disposición adicional novena que posibilite empezar a negociar un acordo de abono da PEA ou un calendario de recuperación salarial, sen esquecer a posibilidade de facer unha modificación do regulamento de funcionamento da CTEPC para que sexa unha verdadeira mesa de interlocución do sector.

ASINA, POLOS TEUS DEREITOS!

* Nome:
* Apelidos:
* DNI:
* Provincia:
*Campos obrigatorios Nome, Apelidos, teñen que ser nomes e apelidos completos, non son válidas iniciais destes. O dato DNI non se fará público. Só se require a efectos de veracidade para que ningún asinante poida introducir dous ou máis nomes.
Acepto as condicións legais: consultar as condicións legais
 

Total de sinaturas recollidas 493